Sete únicos sectores sosteñen a especialización económica e laboral das comarcas de Ourense

  • O Observatorio Económico Ourensán detecta un auxe da industria
    agroalimentaria no Ribeiro, Terra de Caldelas e Verín.
  • As zonas da provincia con máis forte protagonismo local do comercio son Verín,
    Terras de Celanova e A Limia, mentres que a hostalería presenta os maiores
    índices de concentración na Baixa Limia, Carballiño e Allariz-Maceda.
  • Todos os sectores básicos xeran empregos na totalidade das comarcas, agás a
    industria extractiva en Terra de Caldelas e a automoción en Trives.
  • A máis baixa dependencia do emprego vinculado ás Administracións, ao ensino e
    á sanidade dase na Limia, Verín e Viana.
  • As desviacións máis intensas sobre os valores medios da provincia corresponden
    ao sector primario, que en Terra de Caldelas sobrepasa en 22,4 puntos
    porcentuais a media provincial, en Terra de Trives en 17 puntos e na Limia en 15,8
    puntos.
  • O Observatorio Económico da Deputación consegue o máis amplo mapa de
    especialización económica das provincias, con datos desagregados ata trece
    sectores de actividade.

[button size=” style=” text=’ver a infografía’ icon=” icon_color=” link=’http://oeou.depourense.es/oeou/radiografia-da-actividade-economica-por-comarcas/’ target=’_self’ color=” hover_color=” border_color=” hover_border_color=” background_color=” hover_background_color=” font_style=” font_weight=” text_align=” margin=”]

Por primeira vez na análise e na interpretación estatística da provincia de Ourense, O Observatorio
Económico Ourensán consegue identificar a posición e o protagonismo local que teñen trece sectores
básicos da economía. Logra unha inédita desagregación comarcal que cuadruplica os niveis de
habituais -un máximo de tres sectores- dos traballos académicos ou de divulgación sobre a especialización
sectorial dos territorios.
A primeira conclusión que extrae o Observatorio da Deputación Provincial de Ourense é que os trece
sectores analizados teñen presenza en cada unha das doce comarcas ourensás, agás a industria extractiva
en Terra de Caldelas e a fabricación de materiais de transporte (automoción) e grandes reparacións
industriais en Terra de Trives.
Como segunda conclusión, a especialización económica e laboral da provincia de Ourense está
plenamente baseada en sete sectores ou grupos de profesións, que son por orde decrecente os seguintes:
o emprego público (inclúe o ensino, a sanidade, outros servizos e os postos xenerados polas
Administracións); o comercio; a suma do transporte e da hostalería (comparten epígrafe estatístico); o
sector primario; a construción; a industria extractiva; e o grupo das actividades de información, finanzas e
servizos inmobiliarios e profesionais.
É dicir, entre os sectores analizados os que achegan un menor grao de especialización económica son
a metalurxia e os produtos metálicos, eléctricos, electroquímicos e maquinaria; o grupo da madeira,
mobles e papel; a fabricación de materiais de transporte e grandes reparacións industriais; a industria

agroalimentaria; o resto da industria; e a enerxía, subministro de auga e xestión de residuos. Ningunha
destas actividades figura entre as tres máis representativas de cada unha das comarcas de Ourense.
Seguindo cos resultados da nova infografía do Observatorio Económico Ourensán, o comercio
continúa a ser o primeiro motor das economías transfronteirizas, cunha excepción, a da Baixa Limia, polo
desprazamento do núcleo desta actividade cara a comarca da que ten unha notable dependencia, Terras de
Celanova. Deste xeito, os maiores índices de concentración do sector do comercio danse en Verín, Terras
de Celanova e A Limia, aínda que con amplas diferenzas entre eles: en Verín impulsa o 29,9% de todo o
emprego comarcal, en Terras de Celanova o 20,1% e na Limia o 19,9%.
Ao ver desprazado o efecto transfronteirizo das actividades comerciais, a economía da Baixa Limia
atopou refuxio laboral na hostalería, na que presenta a máis forte especialización de toda a provincia, xa
que desa actividade (e máis da achega do sector do transporte) dependen un de cada catro empregos nesta
zona fronteiriza con Portugal. Carballiño e Allariz-Maceda completan o liderado ourensán da hostalería, nos
dous casos en niveis cercanos ao 20% na equivalencia sobre o emprego total.

Marxe de crecemento na agroalimentación

A pesares da compoñente estratéxica da industria agroalimentaria e da captación de investimentos
empresariais nos últimos anos, este sector aínda non se achega aos niveis desexables en posicionamento
comarcal para acelerar o crecemento económico nas zonas rurais. Desde o enfoque da especialización
sectorial, ten fortaleza no Ribeiro e de xeito moito máis moderado en Terra de Caldelas e Verín.
Dentro da industria, a automoción fixa o seu núcleo central en Ourense e Valdeorras. En Terra de
Caldelas, por ser un mercado laboral cativo, as estatísticas tamén lle confiren á automoción e ás grandes
reparacións industriais un peso relativo alto, en liña cos de Ourense e Valdeorras. Na metalurxia e produtos
afíns, os pesos relativos máis significativos están asinados polas comarcas de Carballiño, Terras de Caldelas
e Viana.
Na industria da madeira, mobles e papel, o liderado é propiedade de Terras de Celanova, Carballiño e
Valdeorras; e nas enerxías, subministro de auga e xestión de residuos, localízase en Valdeorras, Allariz-
Maceda e Viana, si ben con cativas aportacións na creación de postos de traballo.
No tocante á construción, na área comarcal de Ourense xa só impulsa 1 de cada 15 empregos, a
proporción máis baixa da provincia (6,8%), seguida do 8% de Valdeorras e do 8,7% de Terras de Caldelas.
Sen embargo, este sector segue a ter un peso relativo alto en Terras de Celanova – en donde sostén 1 de
cada 6 postos de traballo-, e en Viana e na Baixa Limia, con proporcións comparables á de Terras de
Celanova.
Xa no sector primario, os índices de especialización máis elevados sitúanse en Caldelas, Trives e A
Limia, en aberto contraste cos das comarcas de Ourense, Valdeorras e Carballiño, onde xa só impulsa entre
o 1,8% e o 5,5% do emprego. A agricultura, gandeiría e silvicultura tamén presentan, no laboral, un peso
relativo inferior ao 10% en Verín, Celanova e O Ribeiro.
Pola súa banda, a industria extractiva ten protagonismo único en Valdeorras, onde move a cuarta
parte do emprego. O Observatorio só identifica índices de especialización superiores ao da louxa en
Valdeorras, pero lóxicamente noutros sectores, en cinco zonas da provincia: na comarca de Ourense, cun
grao de dependencia laboral do 35,7% no ensino, sanidade, outros servizos e emprego das Administracións;
en Verín, co 29,9% de peso relativo do comercio; en Terra de Caldelas, co 27,1% no sector primario; e en
Trives e no Ribeiro, que comparten niveis do 24,6% tamén no ensino, sanidade, outros servizos e
Administracións.
O resto dos rexistros da provincia que amosan unha dependencia dun único sector superior ao 20%
son os do sector primario en Trives (21,7%) e A Limia (20,5%), os do comercio en Celanova (20,1%) e A
Limia (20%) e o da hostalería e máis o transporte na Baixa Limia (21,7%).
Ao compartir epígrafe de estudo con ramas de tanta dimensión laboral como a sanidade e o ensino,
o emprego ligado ás Administracións figura como o primeiro xerador de emprego en nove das doce
comarcas da provincia. Únicamente na Limia, Verín e Viana esa suma de actividades pondera por debaixo
do 20%.

Nos servizos, a análise desagregada permite comprobar cómo se está a estender o debilitamento das
profesións vinculadas á información, ás finanzas e aos servizos inmobiliarios e profesionais. En Terras de
Caldelas apenas permiten fixar o 1% de todo o emprego local, e en Trives e A Baixa Limia pouco máis do
2,5%. O contrapunto leva o nome da comarca de Ourense, onde xa é un dos tres sectores con maior
especialización, xunto co sector público e o comercio. Atribúese 1 de cada 7 empregos, é dicir, o 13,6% do
total. Para ver os seguintes rexistros máis elevados hai que descender ata o 6,8% que acada ese grupo de
profesións en Carballiño ou ata o 5,9% de Valdeorras.
Á hora de definir o mapa provincial das especializacións sectoriais, o Observatorio Económico
Ourensán aínda fai posible abordar outro novidoso ámbito de estudo: o das máis fondas desviacións -tanto
positivas como negativas- con respecto dos valores medios da provincia. Así, encabezan ese particular
ránking Caldelas, Trives e A Limia, debido á súa gran dependencia do sector primario. Caldelas sobrepasa en
22,4 puntos porcentuais o nivel medio provincial de especialización na agricultura e gandeiría (que está no
4,7%), Trives en 17 puntos e A Limia en 15,8 puntos.
Verín está casi 12 puntos por enriba da media ourensá de especialización no sector do comercio,
Celanova nove puntos no da construción e O Ribeiro oito puntos no da industria agroalimentaria.
Nas desviacións de trazo negativo, por transitar por debaixo das medias provinciais, só hai
desequilibrios a dobre díxito na dependencia do sector público: A Limia figura 12,2 puntos por baixo da
media da provincia, Verín 10,6, Viana 10,2 e Valdeorras 10,1 puntos.

[button size=” style=” text=’ver a infografía’ icon=” icon_color=” link=’http://oeou.depourense.es/oeou/radiografia-da-actividade-economica-por-comarcas/’ target=’_self’ color=” hover_color=” border_color=” hover_border_color=” background_color=” hover_background_color=” font_style=” font_weight=” text_align=” margin=”]